Menu

Prensa

PLAY-DOC CELEBRA O SEU DÉCIMO ANIVERSARIO A SEMANA VINDEIRA

Os directores do festival, Sara García e Ángel Sánchez, presentaron o festival esta mañá en rolda de prensa, acompañados de Jacobo Sutil, director da AGADIC; Moisés Rodríguez, alcalde de Tui; e Vanesa Rodríguez, concelleira de Cultura.

Tui, 27 de marzo de 2014. Play-Doc Festival Internacional de Documentais de Tui, que se celebrará do 2 ao 6 de abril, presentouse esta mañá en rolda de prensa no Teatro Municipal de Tui, sede do certame, que cumpre nesta edición o seu décimo aniversario. O director de AGADIC Jacobo Sutil, o alcalde de Tui Moisés Rodríguez, e a súa concelleira de Cultura Vanesa Rodríguez; acompañaron aos directores desta cita, Sara García e Ángel Sánchez, na presentación. “Estamos nun momento de crecemento e proxección interesantes, con moitas ganas de seguir aprendendo e ao mesmo tempo deixando atrás unha etapa, concluíndo un ciclo”, indicou García, quen explicou que para conmemorar os dez anos, haberá unha sección especial con títulos que marcaron a traxectoria do Play-Doc. Filmes de homenaxeados doutras edicións, como Artavazd Pelechian, Ross McElwee, Bogdan Dziworski ou Albert Maysles, entre outros.

En 2014, o convidado especial será o mexicano Nicolás Pereda, un dos máximos valores do seu país, un cineasta que se move entre a ficción e o documental para palpar a realidade de México coa súa cámara. Play-Doc dedícalle unha retrospectiva completa, estreando en España os seus filmes máis recentes, Matar extraños e El palacio. A este ciclo súmase unha sección oficial con seis títulos, “todos eles con elementos etnográficos comúns, aínda que con moi diversas e interesantes aproximacións”, indica García. “Ante todo, trátase de procurar os filmes máis interesantes da tempada”, di a directora, que tamén recordou que todas as películas chegan avaladas por boas críticas e premios en festivais internacionais.

A estas dúas pedras angulares do festival, súmanse outras iniciativas xa habituais no Play-Doc, como son a sección dedicada a repasar os documentais galegos máis relevantes do pasado ano, ou Play-Doc Live! “Alma do festival”, como a definiu Ángel Sánchez, intenta establecer diálogo entre o cinema e a música, mostrando documentais con esta temática, e ofrecendo un concerto para animar a noite do sábado 5 de abril. Este ano, Novedades Carminha presenta o seu esperado disco Juventud infinita, un álbum que xa está a colleitar moi boas críticas nas súas primeiras semanas de vida, e a obter entusiastas comentarios por parte do público. Acompañaranos no concerto Sequin e Malandrómeda para ir abrindo boca. E, na sala de cine, un conxunto de filmes musicais, entre eles o que trata a vida de The Doors, When You're Strange, narrado polo popular actor Johnny Depp.

Sánchez quixo recordar, a este respecto, que o documental pode verse en Play-Doc TV, plataforma de televisión por cable dispoñible na compañía R, na que se programan varios contidos do festival e outros complementarios, co mesmo espírito dos do certame. O director de Play-Doc confesou que, “nun contexto económico complicado, onde cada ano custa máis sacar o festival adiante, ir sumando valores coma este pode ser unha das bases da nosa continuidade”.

Entre estes valores, atópanse varias actividades paralelas que arrincan este ano en Play-Doc, con vocación de continuidade. Unha delas é un Laboratorio de Apuntes Fílmicos, dende o que reflexionar sobre conceptos concretos en cada edición, convidando a varios directores galegos a que filmen pezas en torno a eles. Desta volta, o concepto é a “transformación”, e sobre el traballan Eloy Enciso, Marcos Nine, Otto Roca e Ángel Santos. Ademais, a revista especializada A Cuarta Parede pon en marcha un seminario para formar a novos críticos, e presenta o seu libro Jugar con la memoria. El cine portugués en el siglo XXI, acompañando isto con tres sesións de cinema luso.

Completan as actividades paralelas do festival unha clase maxistral de Nicolás Pereda, na que falará sobre as características do seu particular selo autoral; e un debate en torno á distribución de filmes galegos fóra dos circuítos comerciais, moderado polo programador do CGAI José Manuel Sande.

SARA GARCÍA E ÁNGEL SÁNCHEZ DISPOÑIBLES PARA ENTREVISTA

SEQUIN, MALANDRÓMEDA E NOVEDADES CARMINHA POÑEN A MÚSICA EN DIRECTO NO PLAY-DOC

A sección Play-Doc Live! inclúe os documentais When You're Strange, sobre a mítica banda The Doors, e as galegas 19.06, Galician Hi-Fi e Agra do Orzán, o barrio dos músicos.

Tui, 25 de marzo de 2014. Play-Doc Festival Internacional de Documentais de Tui, que se celebrará do 2 ao 6 de abril, programa este ano de novo a xa tradicional sección Play-Doc Live!, que inclúe concertos e filmes sobre música, procurando os puntos en común entre as dúas artes. Desta volta, a noite do sábado 5 de abril estará animada por tres bandas, cun concerto na sala Metropol, ás 00.30 horas. Elas son Sequin, Malandrómeda e Novedades Carminha, que presentará o seu novo e popular álbum Juventud Infinita. As entradas, a 7 euros, poderán adquirirse na propia sala durante a celebración do festival, ou en venda anticipada en entradasgo.com.

Sequin supón un descubrimento no contexto español. Esta lisboeta fai un pop electrónico moi persoal, que escapa ás etiquetas. Con ritmos que beben da música tradicional hindú ou o afrobeat, entre outras influencias de carácter cosmopolita, Sequin irá quentando motores para Malandrómeda. Os seus directos son enérxicos e sen medo ao ridículo, sempre dispostos á experimentación. O rap bailable dos galegos é divertido, enxeñoso e sobre todo moi canalla, un espírito que comparten con Novedades Carminha. Irreverentes coma sempre, con esa factura lo-fi que os caracteriza, nun lugar entre a psicodelia e o punk, os composteláns presentan este ano disco, Juventud Infinita. O seu sinxelo, do mesmo nome, está a recoller boas críticas, e o público dálles boa acollida nos concertos que están a ofrecer estes meses. Con este percorrido, o seu novo disco será, seguro, unha das sensacións musicais do panorama independente do 2014.

Imaxes ao ritmo da música
A sección Play-Doc Live! componse ademais dun conxunto de documentais sobre música. A traxectoria da mítica banda The Doors está recollida en When You're Strange, do reputado director Tom DiCillo. Narrada polo popular actor Johnny Depp, nela desvélase o lado máis descoñecido do líder do grupo Jim Morrison, un deses solistas malditos do rock, morto con 27 anos, o que fixo acrecentar máis, se cabe, a súa lenda.

Os outros tres filmes deste ano son de denominación de orixe galega. 19.06, de Pablo Cuesta e Alejandro Enríquez, recolle concertos sorpresa na rúa, tocados simultaneamente en varias cidades. Entres os artistas que participan, Raimundo Amador ou Jorge Pardo. Pola súa banda, Galician Hi-Fi, de Bruno Vence, trata as relacións de varios grupos galegos coa Internet, como ferramenta de promoción da súa música. Por último, Agra do Orzán, o barrio dos músicos, de Carmina Escrigas, é un retrato do que o barrio herculino significou como xerador de novas tendencias e ritmos musicais.

SEQUIN, MALANDRÓMEDA E NOVEDADES CARMINHA DISPOÑIBLES PARA ENTREVISTA

PLAY-DOC PON EN MARCHA UN LABORATORIO DE CREACIÓN CON REPUTADOS DIRECTORES GALEGOS

O festival dedica unha sección aos documentais de Galicia máis relevantes do ano e volve apostar polos novos valores da cinematografía local.
Unha mesa redonda moderada polo programador do CGAI José Manuel Sande, analizará as alternativas que estes filmes teñen á distribución comercial tradicional.

Tui, 20 de marzo de 2014. Play-Doc Festival Internacional de Documentais de Tui, que se celebrará do 2 ao 6 de abril, pon en marcha este ano un novo laboratorio de creación, logo do éxito dos Retratos Filmados das anteriores edicións. Marta Andreu, responsable do Máster en Documental de Creación da Universidade Pompeu Fabra, volve coordinar o curso, desta volta centrado na idea da “transformación”. A intención do LAP (Laboratorio de Apuntes Fílmicos) é que cada cineasta convidado capture, dende a súa propia caligrafía, os cambios de diversa índole -sociais, económicos, paisaxísticos...- que se están a producir no seu entorno. Nesta edición, os autores elixidos son Eloy Enciso, Marcos Nine, Otto Roca e Ángel Santos; todos eles cunha importante traxectoria profesional, e cuxas obras foron seleccionadas en edicións anteriores do certame. Os directores xa están a traballar nesta proposta, experimentando en torno a esta idea do cambio. Os resultados poranse en común durante a celebración do Play-Doc, nunha sesión especial o domingo día 6 de abril, ás 18.30 horas. Nela, compartiranse as secuencias co público, reflexionando sobre o que cada autor quixo evocar con elas.

O mellor documental galego da tempada
Alén de favorecer a creación de novos traballos en e sobre Galicia, o festival apoia a difusión dos talentos que, de seguro, marcarán o devir do documental galego. Play-Doc reserva unha sección para as curtas de Hugo Amoedo, Nacho Canosa, Iván Castiñeiras, Eloy Domínguez Serén e David Hernández, novos valores do audiovisual local; aos que se suman Alberto Gracia e Ramiro Ledo coas súas últimas longametraxes. Canosa e Castiñeiras retratan ambientes tamén en transformación, nas súas respectivas Ecos de lo urbano e A Raia. O primeiro, o espazo rururbano da periferia de Barcelona, onde xorden hortos que resisten á urbanización de polígonos industriais e autovías. O segundo, a paulatina perda das tradicións na fronteira rural entre Galicia e Portugal.

Pola súa banda, Hernández e Amoedo retratan o día a día das comunidades nas que filman. Este último observando e conversando cos particulares habitantes de Camping Wesertal, na zona valona de Bélxica. Unha aproximación máis naturalista que a de Spaces of Time#1 – Vigo, na que a cidade galega é fotografada tendendo á abstracción propia das sinfonías urbanas do cinema de vangarda de inicios do século XX. Mais, se cadra, a obra máis persoal sexa a de Domínguez Serén. Pettring, aprendiz en sueco, remite aos seus primeiros meses en Suecia, onde traballa como peón de obra, nun país que lle resulta alleo. Honesto diario filmado, moitos galegos sentiranse identificados nel, ao remitir a unha das realidades máis comúns de Galicia: a emigración.

Ramiro Ledo presenta VidaExtra, un arriscado ensaio fílmico sobre as vías de contestación política da súa xeración, baseado na novela de Peter Weiss La estética de la resistencia. Inspirado tamén por outra obra, O enigma de Kaspar Hauser de Werner Herzog, Alberto Gracia filma O quinto evanxeo de Gaspar Hauser. Unha proposta de carácter experimental moi libre e esteticamente abraiante, que reflexiona sobre os mecanismos de construción da linguaxe.

A distribución a debate
Preocupado pola difusión destas obras, e nun contexto cada vez máis reducido para os filmes de non ficción e de baixo presuposto, Play-Doc organiza unha mesa de debate para falar das alternativas que existen á distribución comercial tradicional. Moderada polo programador do CGAI (Centro Galego de Artes da Imaxe) José Manuel Sande, contará coa presenza de Felipe Lage, produtor de Zeitun Films, quen dende a súa experiencia, dará unhas pautas de como presentar este tipo de filmes a festivais internacionais; Manuel Precedo, presidente de FECIGA (Federación de Cineclubes de Galicia), interesado na proxección destas películas con máis regularidade nas salas de Galicia; Diego Rodríguez, un dos responsables do festival Márgenes, nado en Internet, pero tamén con presenza física en diversos espazos de exhibición; e María Yáñez, unha das socias da empresa de contidos web A Navalla Suíza, cun claro interese no cinema e nas novas narrativas dixitais, quen se centrará nas posibilidades que ofrece a rede para distribuír e dar a coñecer filmes. Pola súa banda, o festival achegará a súa propia visión sobre a materia, a través do proxecto Play-Doc TV, plataforma de vídeo baixo demanda dispoñible no operador de cable R. Nesta, o certame programa contidos relacionados coa súa liña editorial durante todo o ano.

PARA ENTREVISTAS:
MARTA ANDREU, CINEASTAS DO LABORATORIO DE APUNTES FÍLMICOS E A SECCIÓN GALICIA, E PARTICIPANTES NA MESA REDONDA, DISPOÑIBLES PARA ENTREVISTA.

PLAY-DOC VIAXA DO NEPAL A TEXAS NA SÚA SECCIÓN OFICIAL

Seis filmes compiten polo premio que concede o xurado internacional, composto polos críticos e programadores Fernando Vílchez, Antonio Weinrichter e Jara Yáñez.

Tui, 13 de marzo de 2014. Play-Doc Festival Internacional de Documentais de Tui, que se celebrará do 2 ao 6 de abril, programa nesta edición seis títulos na súa sección oficial, todos eles cun amplo percorrido e recoñecemento en festivais internacionais. As historias destas películas percorren boa parte do globo terráqueo, dende a próxima (mais exótica alén das nosas fronteiras) Costa da Morte a templos nepalís, granxas de Texas, ou o rural de Filipinas. Esta diversidade levará tamén aos espectadores á fronteira entre Brasil e Arxentina, e descubrirá a tradición ancestral da tribo Iaka/Mbendiele no interior do Congo. Todos estes filmes competirán polo premio que outorga o xurado internacional, composto nesta ocasión por Fernando Vílchez, xefe de programación do festival Lima Independiente; Antonio Weinrichter, profesor especializado en documental e cinema non narrativo da Universidade Carlos III; máis Jara Yáñez, redactora da prestixiosa revista especializada Caimán Cuadernos de Cine.

Mantendo a liña de apoio ao cinema galego máis rompedor, Play-Doc elixiu desta volta Costa da Morte, do vigués Lois Patiño, para competir na sección oficial. O realizador é un habitual do certame, que xa pasou en dúas ocasións anteriores as súas curtas paisaxísticas. A longa que presenta agora é a consecución lóxica desa traxectoria pictórica, á que engade elementos etnográficos e míticos nesta galardoada cinta: premio ao director emerxente en Locarno, mención especial en Valdivia, mellor película no FICUNAM de México... E segue sumando. Sen dúbida, este ano, Patiño está a ser o embaixador da paisaxe e cultura galegas entre os cinéfilos de todo o mundo.

Algo semellante podería dicirse de Roberto Minervini. Italiano de nacemento e educación, leva porén moitos anos vivindo nos EUA, onde rodou o seu último filme, Stop the Pounding Heart. Cunha curta mais intensa carreira, que inclúe tamén os títulos The Passage e Low Tide, Minervini perfílase coma un dos directores italianos novos máis interesantes do seu país. Neste último filme, segue o día a día de Sara, unha adolescente que se cría nunha familia de granxeiros de Texas, moi tradicional. A película ficcionaliza ese ambiente real, traballando con actores non profesionais, que se interpretan a si mesmos. É unha estratexia similar á que segue o homenaxeado desta edición, Nicolás Pereda, que en Minervini adquire dimensións de western etnográfico.

Adxectivos similares foron utilizados para definir Sweetgrass, que en 2010 se alzara co premio á mellor longa no Play-Doc. O prestixioso Harvard Sensory Ethnography Lab estaba detrás desta proposta, como tantas outras (Leviathan ou Foreign Parts, entre elas), que estiveron a revolucionar o eido do documental etnográfico no último lustro. Agora é a quenda de Manakamana, na que Stephanie Spray e Pacho Vélez nos mostran as viaxes en teleférico a e dende o templo hinduísta do título, situado no Nepal. O filme semella levar o mesmo percorrido fulgurante que outros do laboratorio estadounidense, dende a obtención do Leopardo de Ouro en Locarno o pasado verán.

Unha traxectoria, novos valores
Na aposta polos novos valores, Play-Doc programa varias primeiras ou segundas obras de autores emerxentes de todo o mundo. É o caso da sueca Linda Vastrik nesta edición. Logo dunha dilatada experiencia como directora de fotografía e guionista, asina con Forest of the Dancing Spirits a súa primeira longa. Un proxecto no que se deixa notar ese percorrido previo, rodado de xeito preciosista e cunha voz en off poética, que conta as tradicións centenarias da tribo Iaka/Mbendiele no Congo. O pano relixioso de fondo desta historia, centrada en atrapar o cotián deste pobo, achega unha dimensión mística a este completo relato, situando o filme entre a tradición fantástica de Jacques Tourneur e a etnográfica de Jean Rouch.

Na liña de recuperación de materiais de arquivo que marcou parte da traxectoria de Play-Doc, con nomes como Jay Rosenblatt, Peter Tscherkassky ou Xurxo Chirro; o festival selecciona este ano Anak Araw, da promesa filipina Gym Lumbera, director de fotografía doutros membros dunha nova xeración de cineastas, que están a rachar moldes no país asiático. Entre eles, John Torres ou Sherad Anthony Sanchez. Os seus filmes destacan precisamente polo lado estético, responsabilidade de Lumbera. En Anak Araw, o realizador toma imaxes en branco e negro de noticiarios e arquivos para construír, a través delas, unha reflexión en torno á construción da linguaxe e o colonialismo norteamericano a través da lingua en Filipinas.

Por último, completa a sección oficial Ricardo Bär, outra historia que se move entre a ficción e o documental, ao xeito de Nicolás Pereda, gran convidado desta edición. Nesta película, Nele Wohlatz e Gerardo Naumann seguen os pasos do rapaz de 22 anos do título, na súa procura por se converter en pastor protestante. A cinta segue o seu día a día, nunha colonia alemana na fronteira entre Brasil e Arxentina. Unha historia centrada, desta volta, na construción dunha identidade propia, difusa para Ricardo, perdido entre un conxunto de filiacións, como as coordenadas xeográficas que definen o lugar, fronteirizas.

PLAY-DOC ORGANIZA UNHA RETROSPECTIVA DO GRAN RETRATISTA DE MÉXICO NICOLÁS PEREDA

O novo director, premiado en festivais como Venecia, é coñecido por mesturar ficción e documental en relatos que reflexionan sobre a situación social e a historia do seu país.
Ofrecerá unha clase maxistral o sábado 5 de abril, ás 5 da tarde, na que explicará cales son os seus métodos de traballo e o que intenta conseguir a través deles.

Tui, 7 de marzo de 2014. Play-Doc Festival Internacional de Documentais de Tui dedica unha retrospectiva integral ao realizador mexicano Nicolás Pereda, na súa próxima edición, que se celebrará do 2 ao 6 de abril. Este novo director, con só algo máis de 30 anos, conta xa no seu haber con nove películas e é habitual de festivais como Cannes, Locarno ou Venecia; onde resultou premiado na sección Orizzonti en 2010 polo seu filme Verano de Goliat. O seu persoal estilo caracterízase pola fusión entre a realidade e a ficción, co ánimo de “evocar o sentimento dun pobo enteiro”. O contraste entre o campo e a cidade, o mundo do traballo, as diferenzas entre ricos e pobres, a intimidación do exército, as relacións de parella... En definitiva, o cotián, é o que tenta captar en cada película Nicolás Pereda.

Outro dos aspectos máis destacables no seu cinema é o modo no que os seus actores fetiche, Teresa Sánchez e Gabino Rodríguez, van medrando en cada filme, desde a súa ópera prima ¿Dónde están sus historias? (2007) ata o máis recente El palacio (2013), interpretándose a si mesmos, en papeis con sutís variacións, nos que o proceso de construción do personaxe, cos seus ensaios e repeticións, móstrase ao espectador, a modo de reflexión sobre como se representa un relato.

O propio Pereda explícao moi ben, ao falar do seu maior éxito ata o momento, Los mejores temas (2012): “Logo de facer algúns filmes cos mesmos actores interpretando papeis similares, decidín facer unha película sobre o proceso de representación. Isto abriu un mundo de novas posibilidades, incluíndo os ensaios, as repeticións e as interaccións entre personaxes de ficción e os actores que interpretan a eses personaxes. Seguín esta procura mediante a substitución dun dos actores co meu tío, á metade de rodaxe. O meu tío entra na película como un obxecto documental que ten que relacionarse cos personaxes de ficción que actúan coma se el fose un deles”. Esta inxerencia do documental na ficción, ou viceversa, e a reflexión e a deconstrución do relato cinematográfico, xunto cun particular sentido do humor, son aspectos comúns a toda a súa filmografía.

A obra deste xenial cineasta supón un punto de inflexión nos dez anos de traxectoria do certame galego, marcada por grandes nomes, relevantes expoñentes de diversas tendencias coma o cinema de metraxe atopada, o ensaio audiovisual, o cinema directo ou o observacional, entre outros. A retrospectiva de Nicolás Pereda afianza esta liña editorial, mentres abre á súa vez novos territorios que explorar para o festival.

O director mexicano personifica o futuro, pero tamén a tradición de Play-Doc que, sen esquecerse do seu aniversario, recuperará algúns títulos dos seus cineastas máis emblemáticos, nunha sección para conmemorar os dez anos de andaina. Ademais de presentar todas as súas películas, Pereda ofrecerá amais unha clase maxistral, o sábado 5 de abril, ás 5 da tarde, aberta tanto a profesionais como a público en xeral. Algúns dos filmes do cineasta poderán verse posteriormente no Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI), en réxime de colaboración coa filmoteca galega.

PLAY-DOC CONVÍRTESE EN ESCOLA DE CRÍTICOS

O festival pon en marcha un seminario con reputados profesionais do sector, organizado pola revista de cinema A Cuarta Parede.
A publicación presenta tamén no certame o libro Jugar con la memoria. El cine portugués en el S. XXI, xunto cun ciclo de documentais lusos.

Tui, 24 de febreiro de 2014. Play-Doc Festival Internacional de Documentais de Tui, que se celebrará do 2 ao 6 de abril próximos, pon en marcha este ano, con vocación de continuidade, un seminario destinado a críticos novos. O certame segue apostando, deste xeito, pola formación, sumando este curso ás súas iniciativas O retrato filmado e Docs in Progress, que en edicións anteriores promoveron o crecemento artístico dos cineastas participantes. Este novo seminario, baixo o nome de A crítica intermedia, tentará expor aos alumnos as diferenzas entre os textos teóricos e os xornalísticos. O obxectivo é buscar un equilibrio “entre o rigor da análise académica, e a paixón da espontaneidade cinéfila”, din os seus organizadores, os editores da revista de cinema www.acuartaparede.com.

Para iso, convidaron a importantes figuras do sector, que analizarán o tema dende distintos puntos de vista. Os poñentes son Antonio Weinrichter, reputado especialista en cinema documental e non narrativo; o catedrático da USC José Luís Castro de Paz, e os críticos da prestixiosa revista Caimán Cadernos de Cinema, Jara Yáñez e José Manuel López. A eles súmase o co-director de A Cuarta Parede, Iván Villarmea, que impartirá un obradoiro sobre xéneros xornalísticos aplicados á escritura sobre cinema. A intención é dotar aos asistentes duns coñecementos básicos, que melloren a calidade da súa caligrafía. O seminario complétase con prácticas na revista dixital, que publicará os textos dos alumnos, sobre películas mostradas en Play-Doc. O festival abre dende hoxe ata o 24 de marzo a convocatoria, para que os interesados poidan inscribirse. As bases pódense consultar na súa web, www.play-doc.com.

Adicionalmente, a publicación dixital presentará o libro Jugar con la memoria. El cine portugués en el S. XXI, escrito por colaboradores da revista, e editado por Shangrila. Esta é a primeira monografía en español sobre a última gran xeración de cineastas lusos, que inclúe nomes premiados en festivais internacionais, como Miguel Gomes (Tabú) ou João Pedro Rodrigues (Morrer Como Um Homem). O volume parte de Pedro Costa (Juventud en marcha) como un cineasta faro para Portugal, a partir do cal xurdiron moitos outros, que lograron revisar a historia do seu país (as relacións de ultramar, a ditadura salazarista, o pasado colonial...) dende preceptos estéticos modernos, de influencias moi diversas. Nun contexto transnacional, no que a mobilidade destes autores é case unha forma de vida, resulta difícil falar de cinemas nacionais, pero si se pode advertir unha preocupación común por revisar a memoria do país veciño.

Aproveitando a presentación desta novidade editorial, o festival Play-Doc mostrará un pequeno ciclo de documentais portugueses, asinados por cineastas desta xeración. Os títulos incluídos son Alvorada Vermelha (João Pedro Rodrigues, João Rui Guerra da Mata, 2011), Terra de Ninguém (Salomé Lamas, 2012) e É na Terra não é na Lua (Gonçalo Tocha, 2011).

PLAY-DOC, ELIXIDO UN DOS 10 MELLORES FESTIVAIS DO MUNDO EN 2013

O certame foi seleccionado en Best Fest Film Series, que acolle cada ano en Nova York a unha decena dos encontros fílmicos máis destacables da tempada.
A mítica sala Town Hall proxectará unha sesión de documentais galegos, na que se discutirá cos asistentes sobre o cinema e a cultura de Galicia.

Tui, 19 de febreiro de 2014. Play-Doc Festival Internacional de Documentais de Tui foi seleccionado este ano para formar parte de Best Fest Film Series. Este programa escolle cada ano aos 10 festivais máis destacables do mundo, segundo a opinión dos seus organizadores, os xestores de Town Hall. Esta sala neoiorkina, en pleno centro de Manhattan, é toda unha institución na cidade. Fundada por un grupo de sufraxistas en 1921, o escenario acolleu nas súas nove décadas de historia a grandes da música como Billie Holliday, Charlie Parker, Duke Ellington, Nina Simone ou Bob Dylan. Pero non só de música vive Town Hall. O espazo sempre logrou manterse activo grazas ás proxeccións de cinema, concertos, obras de teatro, instalacións, exposicións de arte, charlas e outro tipo de eventos culturais que organiza ao longo da tempada. Actualmente, recibe a 200.000 espectadores anuais.

A filosofía desta sala sen ánimo de lucro é esencialmente divulgadora, polo que lle propuxo a Play- Doc que programe unha sesión con algunhas das películas máis relevantes da súa liña editorial. O certame decidiu levar a Nova York filmes galegos anteriormente mostrados no festival, que se proxectarán ante os 1.500 espectadores que enchen o Town Hall cada semana. O debate centrarase na efervescencia, nos últimos anos, de creadores galegos de alto nivel, recoñecidos a miúdo en festivais internacionais.

Esta sesión quere ser tamén unha xanela á cultura galega en xeral e, moi particularmente, aos 10 anos de percorrido do festival Play-Doc, que celebra o seu décimo aniversario do 2 ao 6 de abril próximos. Repasaranse os momentos álxidos do certame, presentando a súa liña editorial. Esta baséase na recuperación de figuras fundamentais do documental moderno, moitas veces esquecidas, como Marcel Lozinski, Artavazd Pelechian, Ross McElwee, os irmáns Maysles, Bogdan Dziworski, Raymond Depardon ou Jay Rosenblatt, entre outros.

Adicionalmente, o festival galego realiza unha selección cada ano dos títulos máis rompedores da tempada, daquelas películas de non-ficción que se atreven a traspasar as fronteiras do xénero para profundar na linguaxe cinematográfica. Tamén fai unha defensa do cinema galego, cunha sección dedicada ás producións máis relevantes da colleita anual; e organiza debates ao redor de tendencias, ou clases maxistrais dos directores invitados. Os últimos alicerces de Play-Doc residen nos concertos que cada ano traen a Galicia a importantes bandas do panorama español e internacionais; así como nas actividades formativas que o certame promove, destinadas a ampliar os coñecementos dos cineastas da zona mediante cursos, obradoiros e seminarios. Estes impactaron moi positivamente no crecemento artístico dos directores, que saíron reforzados de tales actividades, con mellores perspectivas de exhibición.

Town Hall pide ademais aos participantes de Best Fest Film Series que falen non só dos contidos, senón da experiencia que supón vivir o festival. Neste sentido, un dos aspectos que máis destacan os convidados é o ambiente acolledor da cita, á que acode un público fiel que enche as salas, e que arroupa aos seus autores. En Play-Doc, creadores e espectadores sempre se dan a man. Esta proximidade é posible, en parte, por organizarse nunha localidade pequena, onde se comparten sesións, paseos, comidas, charlas e, sobre todo, moito cinema. Como os organizadores adoitan destacar, lógrase levantar con poucos recursos un festival de dimensións reducidas, si, pero de grandes ambicións. O feito de que o certame se organice dende a periferia xeográfica e comercial do sector, e aínda así fose recoñecido como un dos máis destacados do mundo, enche de orgullo á organización do festival, que se sente moi agradecida por esta honra.

Tanto os responsables de Town Hall como de Play-Doc agardan que a presentación en Nova York poida aumentar o número de visitantes a Galicia para coñecer o festival e a rexión e, se cadra, tamén as outras moitas actividades en torno ao cinema que se levan a cabo na zona.

Máis información, contactar en:
tlf. 686876029

prensa@play-doc.com