Menu

Play-Doc Live!

SÁBADO 5 DE ABRIL 00:30h

SALA METROPOL 7 €

entrada de balde co pase especial de colaborador

Venda anticipada en: www.entradasgo.com

SEQUIN

O mundo do pop electrónico é susceptible de ser xeograficamente localizado. O mundo de Sequin, por outro lado, é dunha dimensión distinta, culturalmente transversal ao que podemos oír, capaz de nos describir "Beijing" mentres soa á Inglaterra dos Ladytron, capaz de albiscar a India mentres olla o afrobeat. Sobre todo, capaz de facernos esquecer o tempo frío mentres nos refresca coa súa voz de lino. É correcto que os tecidos frescos asentan mellor en todos os corpos cando Sequin se fai oír. Inventamos esta declaración de intencións para facer xustiza ao que se espera dunha tarde de piscina con esta banda sonora: roupa que non pesa, é malla que quere bailar.

NOVEDADES CARMINHA

Sen perder un ápice de frescura e irreverencia xuvenil, Novedades Carminha están de volta co seu novo álbum de estudio. Sensible mais fedello, “Juventud Infinita” (Ernie Records, 2014) evoluciona cara terreos musicais onde a contundencia do garaxe de factura lo-fi dáse a man co pop máis apegadizo, con toques de psicodelia e punk a partes iguais. A banda galega dá un salto cualitativo con este novo traballo, abrazándose a sons máis coidados e a composicións cheas de creatividade e dinamismo. Iso si, sen renunciar nin por un instante ás características dunha identidade que os trouxo ata aquí. Sen dúbida estamos ante o máis esperado álbum da banda, consolidada na escena independente española grazas aos seus divertidos e demoledores directos e a un bo feixe de himnos xeracionais atemporais. Novedades Carminha teñen todas as papeletas para ser protagonistas este 2014.

MALANDRÓMEDA

As presentacións son aburridas… así que mellor non falar da traxectoria destes alieníxenas, nen falar dos seus proxectos paralelos coma Fluzo, Juanito Broders, ou Nonresidentz ou dos seus tres traballos anteriores. Centrémonos no que esta a facer Malandrómeda hoxe, na nova música, este maxi previo ó novo disco no que están a traballar. Máis simple, máis porco, para xente que quere remexe-lo corpo, menearlle a mente, e non queren distinguir entre o ben mailo mal. Outra volta máis na rosca destes dous comedores de churrasco. Cheira a rocanrol, pero ó rock que aprenderon do Black Elvis. Rapeos atléticos, arriba e abaixo, dominio métrico, fondo no léxico e que carallo, nas letras estanche de millor humor ca nunca.

Os directos son enerxéticos, divertidos e cunha porta aberta ó espacio exterior e máis á experimentación. Dálle graves, e o delay que sobre. Cada bolo é unha Festa Malandrómica, rap do que se baila.

A xente pregunta, como é que 2 fan tanto barullo?? Son Caldeirada e Hevi.

Documentais de Música

When you're strange

TOM DICILLO / 86' / 2009 / EE.UU

Director: Tom DiCillo
Fotografía: Paul Ferrara
Música: The Doors
When You're Strange, dirixida por Tom DiCillo e narrada por Johnny Depp, é a primeira película documental sobre The Doors. Recolle material rodado entre 1966 e 1971 sobre o famoso grupo musical formado en Los Ángeles (California), achegándose á beira máis descoñecido da banda e en especial ao seu carismático líder: Jim Morrison. Morrison, xunto a Ray Manzarek, Robby Krieger e John Densmore, lograron converterse en referentes de toda unha xeración -e moitas posteriores-, marcando unha época. Alcumado o "Rei Lagarto", Jim Morrison, líder do grupo, converteuse en icona e mito de multitude de fans ao falecer en París á temperá idade de 27 anos.

19.06

Paco Cuesta e Alejandro Enríquez / 30’ / 2012 / GALICIA

Música: Nacho Mastretta, Raimundo Amador, Llibert Fortuny, Xacobe Martínez, Carlos López.
Director: Paco Cuesta y Alejandro Enríquez
Produtora: Mondotropo para 1906.
Produción: Ana Castiñeiras // Goroka TV
Montaxe: Alejandro Enríquez
"A música posúe a capacidade de gobernarnos, de arrebatarnos ao instante ou, sinxelamente, de mecer os nosos corpos e que comecemos a bailar ao seu ditado. Música que non sempre é buscada, que en moitas ocasións aparécese aos nosos sentidos, aos poucos, desde o outro extremo da rúa ou tras a seguinte esquina"

O 19 do 06 ás 19:06, 26 músicos recuperan a maxia de tocar na rúa e compartir a súa música de maneira espontánea, nun concerto simultáneo en tres cidades.

Galician Hi-Fi

Bruno Vence / 31' / 2013 / GALICIA

Dirección: Bruno Vence
Produción: Fátima Santiago Cámara
Son e montaxe: Bruno Vence e Fátima Santiago
Galician HI-FI amosa unha visión global da relación dos músicos galegos con internet e a revolución dixital, das grandes vantaxes pero tamén dos seus medos e obstáculos para poder seguir facendo aquilo polo que viven o día a día.

Agra do Orzán, o barrio dos músicos

Carmina Escrigas / 34' / 2013 / GALICIA

Dirección: Carmina Escrigas
Idea orixinal: Rómulo Sanjurjo
Un Proxecto de Tres Laboratorio de Ideas e Comunicación
Alá por finais dos setenta nada era coma hoxe é. Despois de corenta anos de obscuridade comeza a asomar a luz, o anceio de liberdade xa non era tan quimérico e os aires de cambio flotaban no ambiente. Esa nova esperanza, mesturada co temor aínda presente ao que acabábamos de deixar atrás e ao que estaba por vir, abrangueuno todo, e acadou a súa máxima forza no eido musical. Neses tempos, o barrio da Agra do Orzán, na Coruña, converteuse nun dos polos principais dos novos estilos, manifestacións artísticas, propostas rompedoras e, sobre todo, da ilusión daqueles adolescentes galegos que empezaban a abrirse camiño no mundo da música como un xeito de expresión, sen saber moi ben o que lles depararía o futuro.