Menu

Jugar con la Memoria

Presentación "Jugar con la Memoria: El Cine Portugués en el s.XXI"

Portugal deixou de ser ese polo magnético que atraía a cineastas estranxeiros fascinados pola súa historia e a súa cultura para converterse a partir do ano 2000 nun dos epicentros cinéfilos máis importantes do panorama internacional. Seguindo a tradición establecida polas figuras de Manoel de Oliveira, Paulo Rocha e João César Monteiro, o cinema portugués do século XXI multiplicou os seus francotiradores, confirmando o diagnóstico que o crítico francés Serge Daney formulou hai máis de trinta anos. O resultado é que agora este novo cinema luso, mesmo coas súas manifestas limitacións económicas, funciona coma un laboratorio estético que permite estudar e predicir os posibles devires do cinema europeo, sen por iso deixar de ollar cara o presente e o pasado do seu propio país de orixe.

Os oito cineastas protagonistas deste volume abordan distintos aspectos da historia portuguesa dende a perspectiva da memoria, xa sexa esta individual ou colectiva, a dos seus personaxes ou, directamente, a que evocan as imaxes doutras épocas. Para todos eles, a memoria é unha ferramenta de revisión crítica do pasado e da identidade, á marxe de se trae recordos ominosos, coma no cinema de João Canijo e de Susana de Sousa Dias, ou se pode dar orixe a bromas envelenadas, coma en João Nicolau ou en Miguel Gomes. A meirande parte das veces, porén, o recurso da memoria supón tamén un acto de reafirmación do individuo, sexa este un personaxe, como na Triloxía de Fontainhas de Pedro Costa, ou mesmo algún dos cineastas, como João Rui Guerra da Mata en A Última Vez Que Vi Macao ou Gonçalo Tocha en É na Terra não é na Lua.

Horacio Muñoz Fernández
Iván Villarmea Álvarez
Coordinadores Jugar con la memoria. El cine portugués en el siglo XXI
A presentación do libro vai acompañada dun pequeno ciclo, con títulos representativos de cineastas desta última xeración do cinema portugués. Todas as sesións estarán presentadas por membros da asociación de crítica cinematográfica A Cuarta Parede, que moderarán ademais o debate cos autores das películas.
Venres 4 ás 19:30. Sala 2