Menu

Obradoiro Docs in Progress

Docs in Progress

por Marta Andreu, directora do obradoiro.

PLAY TRAILER
En decembro de 2010, Play-Doc pon en marcha a primeira edición de Docs in progress. Durante dúas semanas oito cineastas conviven nunha casa próxima a Tui para compartir o proceso de traballo dos seus documentais en fase de montaxe. Ao longo do encontro, o intercambio de miradas, de procuras, de experiencias, de inquietudes creativas permitiu crear un espazo de reflexión e de cuestionamiento creativo para avanzar cara á mellor das versións de cada unha das obras seleccionadas. Cineastas vindos de distintas partes do mundo (Uruguai, España, Alemaña, Islandia, Arxentina, Brasil e Galicia) puxeron en común así a súa propia creación, póndoa ao servizo do diálogo, preguntando ás imaxes mesmas a película que conteñen e expóndoas a outras miradas para chegar a descubrila.

Esta experiencia resultou ser intensa e reveladora. Os resultados non tardarán en darse a ver: unhas películas que, atravesando este encontro, están a chegar á profundidade, contundencia e calidade desexadas. Con todo iso, a aposta está clara: a soidade do cineasta, esa soidade por momentos necesaria, eses momentos que deben esconder e despregar unha relación espida e honesta coa propia creación e co mundo que esta representa, é e son compartibles. Converter o proceso creativo nun xesto común entre aqueles que ven inmersos nel, facer da construción cinematográfica unha tarefa de reflexión e de circulación de ideas permite dar con obras verdadeiramente comprometidas co cinema e coa vida á que este ten capacidade de abrirnos.