Menu

Seminario A Crítica Intermedia

Para que serve hoxe a crítica cinematográfica? Quen a le ou a escoita? Impacta dalgún xeito na percepción dos espectadores á hora de acudir ás salas e elixir un título da carteleira? Semella que, co espazo cada vez máis reducido que os textos sobre cinema ocupan nos xornais, non debe haber moitos lectores interesados na sétima arte. Ou si? Se cadra esas críticas que hai décadas ocupaban seccións completas nos diarios, hoxe están presentes na Internet.

Porén, cómpre diferenciar os comentarios espontáneos e moi valorativos de usuarios dispares, agochados detrás dun nick; dos textos con sinatura propia, en revistas ou blogues especializados. A opinión non é nada sen a análise fundamentada, e esta non se pode acadar sen ter claro en que tradición teórica se inscribe a crítica cinematográfica. Seguramente, esta tradición pode a toparse hoxe no mundo académico, aínda que as regras internas que rexen os departamentos das universidades fan ás veces complicado que exista unha escritura apaixonada sobre o tema a tra-tar. A análise excesiva e concienciuda corre tamén o risco de esquecer polo camiño unha regra básica de todo ensaio: a paixón. Neste caso, a paixón polo cinema.

Esta doenza pode ser especialmente acusada no ámbito hispano-falante. A animadversión que advertimos por momentos nas facultades do país cara os estudos culturais ou a socioloxía, apli-cadas ao cinema, é un claro síntoma do peso, aínda central, da Historia do Cinema como discipli-na nai no grupos de investigación españois.

Como ben apuntaba hai xa uns anos Antonio Weinrichter en Cahiers du Cinéma España1, este inmobilismo pode deberse á necesidade de defender un canon, que semella diluírse cada día máis nos medios xeralistas, e en boa parte da crítica especializada. É necesario crear pensamento sobre e dende o cinema, e non un simple feixe de valoracións sen rumbo. Tomen nota os xornais, só pendentes dunha ínfima parte do cinema que hoxe importa – case todo fóra das estreas comerciais – que debe ser visto en festivais coma o Play-Doc. Por esta razón, o crítico remata por converterse, ocasionalmente, en programador. É este mesmo afán formativo e divulgador do comisariado, que Weinrichter considera esencial na crítica, e do que non atopa moitos exemplos: “Hoxe xa non se-mellan posibles figuras intermedias como Bazin, Daney, Farber, Guarner”.

Na procura de formar a críticos con vocación de novas figuras intermedias, a Asociación de Crítica Cinematográfica A Cuarta Parede inicia este ano en Play-Doc un seminario dirixido a críticos novos. Esta primeira edición tentará dar resposta ás cuestións enunciadas, co ánimo de axudar aso asistentes a situarse entre o rigor da análise académica, e a paixón da espontaneidade cinéfila.

Os poñentes son Antonio Weinrichter, reputado especialista en cinema documental e non narrativo; o catedrático da USC José Luís Castro de Paz, e os críticos da prestixiosa revista Cai-mán Cuadernos de Cine, Jara Yáñez e José Manuel López. A eles súmase o co-director de A Cu-arta Parede, Iván Villarmea, que impartirá un obradoiro sobre xéneros xornalísticos aplicados á escritura sobre cinema. A intención é dotar aos asistentes duns coñecementos básicos, que me-lloren a calidade da súa caligrafía. O seminario complétase con prácticas na revista dixital, que publicará os textos dos alumnos, sobre películas mostradas en Play-Doc.


1 WEINRICHTER, Antonio, “Estado crítico”, en Cahiers du Cinéma España, decembro de 2008, pp. 82-83

Bases

PONENCIAS

- Encontros e choques entre a crítica académica e a xornalística, por Antonio Weinrichter
- A crítica e a análise histórica do filme: encontros e friccións, por José Luis Castro de Paz
- A crítica como xeradora de tendencias, por Jara Yañez
- Crítica xeralista e crítica especializada, por José Manuel López

OBRADOIRO

- Os xéneros xornalísticos nos textos sobre cinema, por Iván Villarmea

Neste obradoiro, fornecerase aos alumnos cuns coñecementos básicos sobre a materia, que poderán poñer en práctica posteriormente, escribindo un texto sobre algúns dos filmes mostrados en Play-Doc. Estes artigos publicaranse en www.acuartaparede.com

INFORMACIÓN SOBRE OS POÑENTES

ANTONIO WEINRICHTER é escritor, profesor e programador cinematográfico. Profesor na Universidade Carlos III, na ECAM e no Middlebury College; as súas áreas de especialización son o cinema documental e non narrativo. Precisamente, a súa tese doutoral (Premio Extraordinario, 2008) versou sobre a remontaxe, mediante a apropiación, no documental de compilación e no cinema experimental de metraxe atopada.

Ten unha dilatada experiencia como crítico, tanto en presa xeralista (ABC) coma en medios especializados da talla de Caimán Cuadernos de Cine, Fotogramas ou Dirigido por. Autor de numerosos libros, un dos máis influíntes se cadra D-generación. Experiencias subterráneas de la no ficción española (2008, con Josetxo Cerdán), pola pronta identificación dunha xeración de cineastas españois que traballan ás marxes (mesmo do cinema de autor), introducindo importantes cambios estéticos e narrativos; Weinrichter é ademais comisario independente para diversas mostras de cinema e filmotecas. Ten exhibido filmes en Las Palmas (festival do que foi coordinador de programación entre 2006 e 2012), o CGAI, o Museo Reina Sofía ou o festival Punto de Vista en Pamplona. Outras publicacións destacadas no seu haber son, entre outras.DOC. El documentalismo en el siglo XXI (2010), Metraje encontrado. La apropiación en el cine documental y experimental (2009), La risa oblicua: documental y humor (2009) ou Cine directo. Reflexiones en torno a un concepto (2008).

JOSE LUIS CASTRO DE PAZ é historiador do Cinema e Catedrático de Comunicación Audiovisual da Universidade de Santiago de Compostela. Profesor convidado nas Universidades de Xirona e País Vasco. Participou en obras colectivas como a Antología crítica del cine español (1896-1995) (1997) e ten coordinado numerosos volumes colectivos. Entre os seus numerosos libros destacan Vertigo/De entre los muertos (1999), El surgimiento del telefilm (1999), Alfred Hitchcock (2000), Un cine herido. Los turbios años cuarenta en el cine español (2002), Cine y exilio. Forma(s) de la ausencia (2004), Fernando Fernán-Gómez (2010), Del sainete al esperpento. Relecturas del cine español de los años 50 (2011) ou Sombras desoladas (2012).

JARA YÁÑEZ é licenciada en Historia da Arte pola Universidade Autónoma de Madrid. Redactora da revista Caimán Cuardenos de Cine, e colaboradora habitual de Fotogramas e noutros medios, ten escrito e coordinado varios libros sobre o cinema español, como La aritmética de la creación. Entrevistas con productores del cine español contemporáneo (2009) ou La medida de los tiempos. El cortometraje español en la década de 2000 (2010).

JOSÉ MANUEL LÓPEZ é licenciado en Publicidade e doutorando en Comunicación Audiovisual. En 2004 funda a revista online de cinema Tren de sombras, actualmente forma parte do consello de redacción da revista Caimán Cuadernos de Cine (anteriormente coñecida como Cahiers du cinéma. España) e dende o ano 2012 colabora co MARCO de Vigo como docente de cursos de cinema. En 2011 e 2012 participa como dialoguista na cuarta e quinta temporada de Matalobos, serie da produtora Voz Audiovisual para a Televisión de Galicia.

En 2008 coordina o libro Naomi Kawase. El cine en el umbral para o Festival Internacional de Cine de Las Palmas de Gran Canaria. Participa amais en libros colectivos como La Risa Oblicua. Tangentes, paralelismos e intersecciones entre documental y humor (Documenta Madrid), Elegías íntimas. El cine visto por los cineastas (Documenta Madrid), Un extraño entre nosotros. Las aventuras y utopías de José Luis Borau (Filmoteca de Extremadura) ou Paul Schrader. El cineasta frente a los tiempos (Seminci. Festival de cine de Valladolid). Colaborou tamén en revistas especializadas como Secuencias, Blogs&Docs, Transit ou Nosferatu e con editoras de DVD como Intermedio ou Cameo.

IVÁN VILLARMEA ÁLVAREZ é licenciado en xornalismo e en historia contemporánea pola Universidade de Santiago de Compostela, e está a piques de rematar a súa tese de doutoramento na Universidad de Zaragoza baixo o título The Representation of Urban Change in Non-Fiction Film (1977-2010). Dende 2013, co-dirixe a revista dixital de crítica cinematográfica A Cuarta Parede, e este ano vén de co-editar o libro Jugar con la memoria. El cine portugués en el siglo XXI.

CELEBRACIÓN OS DÍAS 5 E 6 DE ABRIL DE 2014, NO TEATRO MUNICIPAL DE TUI

HORARIO DAS POÑENCIAS: DE 10 A 14 HORAS (TANTO O SÁBADO COMA O DOMINGO)

HORARIO DO OBRADOIRO: DE 16 A 17:30 HORAS, O SÁBADO

MATRÍCULA: 30 EUROS – COBRE A ASISTENCIA ÁS POÑENCIAS E AO OBRADOIRO, MÁIS A ENTREGA DUN PASE DE PRENSA, CO QUE SE ACCEDE A TÓDALAS SESIÓNS DO FESTIVAL E ÁS SÚAS ACTIVIDADES PARALELAS, INCLUÍDOS OS CONCERTOS

Os interesados deberán enviar un CV cos seus motivos para participar a prensa@play-doc.com antes do 24 de marzo. O número de prazas oscila entre as 15 e as 30, podendo non realizarse o seminario, de non cubrirse o mínimo de asistentes. No caso de superar os 30 subscritos, realizarase unha selección dos perfís máis adecuados ao tema da convocatoria, comunicando a decisión por correo electrónico.

Logo da selección, os alumnos terán un prazo de tres días laborables para ingresar os 30 euros na conta corrente que se lles facilitará. Este é un requisito indispensable para efectuar a matrícula.

Ao termo do seminario, todo alumno recibirá un certificado de asistencia ao curso.

Ofrécese desconto no aloxamento para o alumnado que o precise. O festival xestionará as reservas no hostal San Telmo, cos seguintes prezos:

- Habitacións de catro persoas (sen almorzo incluído): 10 euros por noite, por persoa.
- Habitación dobre (con almorzo incluído): 15 euros por noite, por persoa.
- Habitación individual (con almorzo incluído): 20 euros por noite, por persoa.
Todas as habitacións teñen baño. O hostal está situado a 5-7 minutos andando do Teatro Municipal, onde terán lugar o seminario e as proxeccións. Os interesados poden beneficiarse deste servizo, informándonos por correo electrónico das noites que pensan durmir en Tui (para todo o festival, incluídas aquelas que non coincidan coas datas de celebración do seminario, cando se poderá usar igualmente o pase de prensa). A cantidade correspondente deberá sumarse ao pagamento da matrícula.

Actividade organizada por
Víctor Paz Morandeira
Iván Villarmea Álvarez
Directores www.acuartaparede.com