ROSS MCELWEE

A modo de imaxes resucitadas

por José Manuel Sande

Como capítulos ou entregas sucesivas dunha novela, o cineasta estadounidense Ross McElwee (Charlotte, Carolina do Norte, 1947) vai elaborando ao longo da súa obra un tan rigoroso como suxerinte diario fílmico, un relato en primeira persoa con abundantes ramificacións. Ideada como unha procura lingüístico/existencial lanzada con talento en múltiples direccións, McElwee é un dos documentalistas estadounidenses que, debutante na década dos 70, contribúe á renovación da non ficción. No seu caso manifesta a través de dous elementos fundamentais: o abandono da tendencia predominante –por entón totalitaria- do cinéma vérité ou cine directo coa súa decidida aposta pola subxectividade; a singularidade coa que integra dispositivos narrativos de diversa procedencia, unha mestizaxe que valida (e sutilmente subverte) clasicismo, tradición de corte observacional e filme doméstico.

Adaíl do documental autobiográfico, explorador de imaxes, a súa singular voz narrativa, a itinerancia ou viaxe na que transforma os seus filmes, o autorretrato irónico establecido e o propio interese polos procesos mesmos de filmación orixinan unha concentrada e moi persoal traxectoria. A súa filmografía, formada por unha decena de títulos, obtén o beneplácito de crítica e público, coa satisfacción a partires de Sherman's March (1986), un título premiado en Sundance, da estrea normalizada en salas de cine dos seus traballos, un feito prolongado pola súa brillante faceta académica, profesor en Harvard.

Contexto e rupturas
Desde os anos 70, a superación da non ficción delimitada polo seu carácter informativo ou pola significación ou obxectividade históricas, determina unha polifonía de novas propostas. Anos de impugnación desde distintas instancias, o crescendo na demolición da integridade da metraxe orixinal (material atopado, remontaxe, películas domésticas e biográficas, diarios filmados e retratos, mesmo falsos documentais) ocasionará moitas voces derivadas, un bo feixe de obras e inflexións valiosas determinantes na evolución da práctica documental. No último cuarto do século XX e inicios do XXI, desde a alquimia ficción-non ficción e as viaxes filmadas de cineastas como Robert Kramer aos distintos graos de reciclaxe e remontaxe de Baldwin, Rosenblatt ou Rappaport pasando polo apropiacionismo de Barbara Hammer, do documental de intervención de Moore ao ensaio incisivo de Thom Andersen, dos retratos estilizados de Errol Morris ao esbozo doméstico de Alan Berliner e as numerosas pisadas da vangarda –pensemos na herdanza en construción de Mekas- e a propia e duradeira tradición observacional (de Leacock e os Maysles ao mestre Frederick Wiseman), fíltrase un estimulante panorama na evolución estética do documental nos Estados Unidos.

McElwee, un director onde o íntimo e o contemplativo coexisten, vai desenvolver neste contexto un papel importante, reforzado pola progresiva magnitude da súa produción a partires dos 80. Graduado na universidade de Brown e moi influído por un profesor, o novelista John Hawkes, o autor de Six O'clock News (1996) representa unha ruptura coa voz en off omnisciente e meramente informativa do documental tradicional ao tempo que finiquita parte do legado do cine directo e a súa carencia (aparente) de mediación. Como un chamán narrativo, tece relacións e interaccións nunha sorte de performatividade do subxectivo que en ocasións aporta unha veta ensaística, un diálogo co mundo cheo de reflexión, introspección e liberdade formal.

A oralidade e a verbalización xogan un papel crucial no seu cine. Un texto autobiográfico escrito a petición de Raymond Bellour en 1995 para a revista especializada francesa Trafic –reproducido no único estudo monográfico editado en España sobre a súa obra, Paisajes del yo. El cine de Ross McElwee (2007), edición coordinada por Efrén Cuevas e Alberto N. García- apela desde o título (Finding a Voice / Atopar unha voz) á gran obsesión do autor, a necesidade de acadar unha voz expresiva capaz de vencer a invisibilidade e a tentativa de (imposible) pureza obxectiva do vérité. Neste sentido, posúe unha influencia confesa de Hawkes, partidario da transmisión da experiencia persoal na obra artística. Logo das súas veleidades iniciais como escritor e fotógrafo, McElwee conxunta intereses, atopando nunha estadía en Francia en 1973 a adicción e as liñas de comprensión do feito fílmico.

En Charleen (1978), peza iniciática, a ilusión vérité ten leves distorsións –aínda non hai comentario- grazas á perspicaz relación que a cámara establece coa protagonista, unha amiga e antiga profesora de McElwee. O reforzo da perspectiva persoal, a intervención activa, non tarda en ter o seu efecto. Backyard (1984) megúllase na procura da dimensión autobiográfica e o off subxectivo nun relato sobre o seu pai e o seu irmán. McElwee comeza a perfilar desde a autoconciencia narrativa e certa ética das imaxes a construción dun personaxe: el mesmo. En Sherman's March (1986) -co subtítulo d'Unha meditación sobre a posibilidade dunha historia romántica no Sur durante a era de proliferación das armas nucleares-, a voz, nítida, confesional, enxeñosa, apodérase por vez primeira do filme. McElwee burla as convencións do documental histórico didáctico e fala da Guerra de Secesión, da cultura sureña, de etnografía e sociopolítica contemporánea ao tempo que debulla aspectos íntimos da súa vida–unha ruptura, a procura dunha moza-. O autor contribúe ademais a lexitimar o traballo practicamente en solitario mediante unha cámara-corpo (en afortunada expresión de Josep María Catalá) ben adscrita á estirpe documentalista do celuloide (en particular o emprego do 16 milímetros).

Time Indefinite (1993) leva máis lonxe a exploración familiar e a querenza honesta polos grandes temas. Voda, embarazos, mortes, numerosas aparicións do autor, un robusto e maduro filme que deriva en Six O'clock News, expansión da galaxia McElwee cunha relevante reflexión sobre o uso das imaxes e os medios de comunicación. En Bright Leaves (2003) funde varios relatos. A historia do seu bisavó, un empresario tabaqueiro, parece servir de base para un antigo melodrama de Hollywood (El rey del tabaco, 1950) dirixido por Michael Curtiz. Tres xeracións despois, o autor emprende unha viaxe por Carolina do Sur acompañado de todos os fantasmas -de Curtiz ao seu avó-, sabendo que a escusa inicial se pode transformar en calquera momento e mudar non só a película, senón a súa idea da vida.

Logo da viaxe familiar a Paraguai de In Paraguay (2008), o seu ultimo filme, Photographic Memory (2011), louvado no Festival de Venecia, aglutina parte dos elementos mencionados. A relación complexa cun fillo xa crecido e un desprazamento á Bretaña francesa onde recupera unha etapa da súa vida como fotógrafo de vodas, permiten a McElwee resucitar arquivos, ofrecer imaxes alleas (do fillo, Adrian) e artellar un emotivo discurso sobre o paso do tempo e a historia das imaxes e a materia fílmica, entrando mesmo no debate dixital/analóxico.

Cando se refire á súa labor fílmica, McElwee propón un curioso paralelismo co ámbito da medicina. Emprega o termo "autopsia". A expresión, terrible, das imaxes ou materiais entendidos como algo morto, redímese de inmediato pola súa capacidade revulsiva. A idea motriz, nas súas palabras, pasa por "rehabilitar algunha versión da vida que sentes que o merece". "Monet cunha cámara de cine", Ross McElwee devén lúcido analista do noso tempo, un investigador coherente e xeneroso na súa aproximación á representación do real, na súa captación da memoria e a complexidade dos dispositivos fílmicos. De seguro, un dos poucos cineastas emblemáticos nesa indución constante ao carácter de obra aberta, creativa e apaixonante que leva consigo a non ficción contemporánea.

English Galego