Laboratorio do Retrato Filmado
Desde o 2009, sete novos cineastas vindos de distintas partes danse cita en Tui no marco do festival Play-Doc para realizar o retrato filmado de sete habitantes do pobo. Os mesmos cineastas que se reencontran cos seus personaxes, conviven con eles e deixan, cada ano, a pegada do tempo que pasa, para uns e outros. O laboratorio chega este ano á súa terceira edición co retrato-deriva para seguir construíndo a imaxe dese 'outro' filmado a través, nesta ocasión, da súa relación coas persoas que lle rodean e que comparten o seu universo. O camiño que iniciamos co retrato-encontro, que continuamos co retrato-memoria chega así a unha nova pregunta: Que de cada un de nós é visible nos demais? Agora a cámara non apuntará directamente aos nosos retratados, senón que transitará por aquilo que del reside nos outros, aquilo que estes nos poden devolver del, coma se dun eco tratásese... Un retrato derivado entón, un paso máis na exploración entre os pilares e as gretas dese xesto fundacional do cinema documental, que nos expomos experimentar e cuestionar desde que nos embarcamos nesta aventura conxunta.
Un ano máis. Un novo reto que tomamos coa mesma enerxía, ou maior se cabe, xa que os lazos establecidos son xa fortes e conteñen o rastro do compartido ao longo deste tempo mediante a cámara. E todo iso empúxanos cara a adiante, nas profundidades desa experiencia intensa que concentra nunha mesma pincelada a procura fílmica e a mirada que nos une, a cada un de nós, co 'outro', é dicir co mundo.
Por Marta Andreu, directora do obradoiro.