DOCS IN PROGRESS
por Marta AndreuXa cruzamos outro inverno desde ese Docs in progress en decembro 2010. E daquela convivencia entre cineastas en proceso de traballo xurdiron xa os primeiros resultados. Eran oito miradas, oito proxectos que xa camiñaran pola súa conta antes de recalar no Docs, onde acabaron de atopar unha forma xusta. Dúas semanas dedicadas a un traballo intenso, comprometido, fráxil pero contundente, serviron para consolidar as obras, someténdoas á reflexión, ao cuestionamiento, á procura da súa verdadeira natureza. Pasou xa un tempo, o necesario para que algunhas daquelas películas que estaban xa existindo acabasen de existir. Outras están no camiño. Agora queremos compartir algúns deses proxectos que atravesaron esta experiencia inesquecible e deixáronse atravesar por ela. E farémolo en forma de fragmentos, pedazos desas propostas fílmicas para poder dar a ver os universos que nos habitaron neses días compartidos.
Mostrar fragmentos deste catro títulos é para nós un pracer, xa que nos permite compartir a honra de poder ver acabadas ou camiñar con pé firme obras nas que cremos e ás que apoiamos, tratando de fortalecelas, de enriquecelas, acompañándoas cara a esa idea dun cinema que amamos.
Unha daquelas longametraxes xa está a viaxar polo mundo, convidada por festivais internacionais: Exiliados de Mariana Viñoles. Ao seu lado, algúns dos outros proxectos seguen vibrando baixo o espírito do Docs in Progress, andando e crecendo cara á súa forma final, remontándose, volvendo mesmo a rodar, preguntándose unha e outra vez qué película hai aí encerrada. Entre Líneas de Yrsa Roca Fannberg ou Bosques de Nina Bendzko son un bo exemplo.
Así, esta sesión que propomos convídanos a mergullarnos en universos diversos, en propostas persoais, películas xenuínas, pero que á súa vez reflicten un mesmo compromiso e esixencia coa creación e co mundo que buscan atrapar con ela. Estas miradas únicas cruzáronse para converterse en espello unhas das outras, para converterse en pegada dunha mesma respiración. Estas miradas falan todas elas, desde o seu propio lugar, dun mesmo espazo e tempo compartido: o do Docs in Progress.