|
|
O multipremiado e recoñecido realizador norteamericano Jay Rosenblatt, estivo na pasada edición de Play-Doc presentando unha retrospectiva dos seus filmes.
|
Benvidos a PLAY-DOC 2011 |
En Galicia, onde os pementos de Padrón saben a gloria e o queixo é livián e cremoso, hai un lugar onde alguén pode contestar á pregunta “onde fuches esta mañá?” coa resposta “din un paseo ata Portugal”. É aquí onde cada marzo vénse celebrando un pequeno festival de cine. É aquí, na cidade de Tui (unha cidade fronteiriza onde xa non hai fronteira), onde está o Play-Doc: un festival íntimo, un festival cálido e si, un festival divertido. O nome di todo. Play (xogar). Doc (documental). A primeira vista parece incoherente. Xogar non é o que che vén á cabeza cando pensas no cinema documental. Porén funciona. Non é que a temática dos filmes sexa superficial ou frívola. Moitos dos documentais son serios, provocadores e exemplarizantes. Ten máis que ver coa atmosfera do festival. Hai un fervor no ambiente. Un sentimento festivo. Unha sensación de comuñón. Só hai unha sala de cine, así que podes ver todas as películas se queres. Isto é único e marabilloso. Cando a vida semella que se volve cada vez máis dura para moitos de nós, precisamos acontecementos coma estes que nos axuden a recordar a nosa humanidade compartida.
E logo están os invitados, os cineastas. As películas compiten por un premio, pero os cineastas non. En troques, crean vencellos e comparten xantares, experiencias e traballos. A intuición dime que todo iso ten que ver co agarimo e a atención que os directores poñen no festival, no teu festival. Iso e o xantar, o viño e a música, que tamén axudan unha miga.
Facer películas non é fácil. Pos o corazón e a alma niso, a amais dun pouco de sangue, suor e bágoas. Se tes sorte, o resultado achégase ao que imaxinaras. Se por algunha inexplicable razón es bendicido por un momento, o resultado aínda é mellor do que imaxinaras. Pero, malia o satisfeito que poidas chegar a estar da túa película, a satisfacción total chega cando se proxecta diante dunha audiencia. Pero non todas as audiencias son iguais. Algunhas son pechadas e outras abertas. Algunhas son túzaras e outras acolledoras. Algunhas son pouco xenerosas e outras espléndidas. O público no Play-Doc, foi aberto, acolledor e moi xeneroso.
Como apunte persoal, o ano pasado, cando estaba a piques de marchar da festa de despedida cos organizadores do festival, todo o mundo deixou o que estaba a facer e empezou a aplaudirme. Nunca esquecerei ese momento. Chegoume á alma. Síntome moi afortunado por ter estado en Tui en 2009 e 2010. Se é a primeira vez que vés, probablemente non será a última. Se xa tes estado antes, benvido outra vez. E se tes a sorte de que proxecten una película túa, espero que a experiencia sexa marabillosa. E se cadra, só se cadra, tamén volvas outra vez.
Jay Rosenblatt
|
|
|
|
|