castellano
galego
english


PROGRAMA ACTIVIDADES CALENDARIO DOSSIER CARTEL GALERÍA SEDE CONTACTO


WEB
2005 2006 2007 2008
PATROCINIO


PLAY-DOC, FESTIVAL INTERNACIONAL DE DOCUMENTAIS: UNHA VIAXE DO LESTE DE EUROPA AO SUR DE GALICIA


Play-Doc, Festival Internacional de Documentais de Tui, que terá lugar do 18 ao 22 de marzo, dedica na programación da súa quinta edición, unha especial atención a dous excepcionais cineastas procedentes do Leste de Europa: o polaco Bogdan Dziworski e o lituano Audrius Stonys.

Realizador, director de fotografía, guionista e fotógrafo, Bogdan Dziworski é sen dúbida un dos máximos representantes do cinema experimental polaco. As súas películas documentais, realizadas entre os anos 70 e 80, oscilan entre a realidade e o realismo máxico. Un particular uso do son, imaxes de impactante beleza e expresividade e a ausencia total de diálogos son algúns dos elementos que caracterizan a súa obra. Play-Doc descóbrenos a este singular realizador a través dalgunhas das súas películas, difíciles de atopar tanto en festivais como nos circuítos habituais de exhibición, e que poderán verse no Teatro Municipal de Tui, sede do festival.

“Dziworski supuxo todo un achado para nós, e como en todo gran descubrimento detrás hai unha intensa procura e a dose necesaria de sorte. A súa obra, a pesar dos anos, continua sendo innovadora”, comentan os directores do certame.

Asemade Play-Doc preséntanos a Audrius Stonys, un dos nomes máis destacados da nova xeración de directores lituanos. A actitude introspectiva, e certo escepticismo sobre a linguaxe, son elementos comúns ás súas obras, cuxo persoal estilo, valeulle numerosos premios e recoñecementos internacionais. Membro da European Filme Academy e da European Documentary Network, Stonys tamén foi profesor de cinema en lugares como Tokio ou Copenhague e agora tamén estará en Play-Doc para impartir un interesantísimo seminario-obradoiro dirixido a realizadores noveis, así como unha masterclass a partir dunha das súas obras máis coñecidas e cuxo tema central será o retrato filmado.
Os dous realizadores, aos que Play-Doc brinda sendas retrospectivas, estarán presentes no festival para presentarnos os seus traballos e falarnos en primeira persoa do seu xeito de facer e entender o cinema. O festival tamén contará coa presenza doutros realizadores invitados, entre os que cabe destacar a Jay Rossemblat, un dos documentalistas estadounidenses máis recoñecidos, á iraniana Rokhsareh Ghaemmaghami, a polaca Anna Wieckowska, ou a nova realizadora belga Sofie Benoot.
Máis información en www.play-doc.com



www.play-doc.com