Menu

Conversa: A circulación e a crise

A circulación e a crise

por José Manuel Sande

Son moitas e moi tópicas as historias que afectan á exhibición e distribución cinematográfica no noso país. E semellan requirir as mesmas expresións: entorno cambiante, canon, propiedade intelectual, novas tecnoloxías, descargas masivas, xanelas de exhibición, crise das salas…. Nos últimos anos a creación, distribución e consumo de contidos audiovisuais ven acadando unha nova (e máis ampla) significación con elementos dispares como a chegada do Vídeo Baixo Demanda (VOD), as plataformas crowdfunding –próximas á súa regulación-, as licenzas Creative Commons e unha necesaria reflexión sobre o feito desde diferentes ámbitos (cfr. a creación dunha unidade propia de exhibición, non por azar co autor de Los ilusos, Jonás Trueba, como momentáneo responsable, na recén creada Unión de Cineastas).

No caso español, espectralmente galego, podemos falar de moitas evidencias históricas que avivan a crise no sector, un summum de factores que pode observarse desde o aumento da oferta de ocio á aparición de outras formas de consumo, mais que se un analiza con paciencia e rigor, parte de problemas estruturais históricos e non resoltos que permiten comprender mellor a situación.

Flutuacións ou vacilacións lexislativas, conflitos de intereses, carencia de radicalidade nos diferentes núcleos profesionais, acusada atomización industrial nos diversos sectores e incapacidade de apertura do feito industrial –vid. a imposible exportación- estenden un modelo feble e, para máis inri, baixo sospeita. Non é novo. Desde a desregulación neoliberal do mercado cinematográfico emprendida polos primeiros dispositivos legais escenificados sen ir máis lonxe na primeira etapa postfranquista, coa UCD gobernando, o pequeno produto vese progresivamente acurralado e o cine español prexudicado nunha dualidade privado/público ben interesante.

A aceleración e a acumulación de novas imaxes, aporta agora un potente contedor de imaxes, tantas veces de procedencia ou base documental, unha rede ameazada constantemente pola privatización do medio, aínda que tamén pola posibilidade de proveito nun sentido ou outro da xanela aberta. A xestión dese universo multimedia nun momento de intercambio e sensación do común é importante. Porén, dá a impresión de que aínda faltan moitos pasos por dar.

Abundan os interrogantes e os retos. En que condicións e lugares deben distribuírse os materiais? Como visibilizar a obra? Como exercer procesos de difusión internacional, aínda que as ferramentas parezan propicias? Se non hai investimento propio, entendemos que é un feito estritamente cultural, artístico? É relevante que os creadores se involucren nestes procesos de circulación? As axudas públicas obrigan á circulación dos traballos ou meramente á súa existencia? Existe unha fuxida alén da “zona de confort”? Procuramos parches ou solucións? Estamos ante unha división definitiva entre arte e industria? Se os creadores asumen a mutación tecnolóxica non poden facelo os xestores, os produtores, os distintos axentes implicados? Quizais cuestións de sempre expostas entre realidades ou contextos distintos.
Participan: Diego Rodríguez (Márgenes), Manuel Precedo (FECIGA), María Yáñez (Screen.ly), Felipe lage (Zeitun Films)
Domingo 6 ás 17h. Entrada de balde ata completar aforamento