Fai oito anos que Play-Doc defende unha proposta cultural afastada do comercial e das correntes dominantes, ofrecendo un cinema ao noso parecer esencial e ao que é difícil acceder, xa que fóra dos festivais e na maioría dos casos non atopa espazos para a súa exhibición.
E defendémola enfrontándonos a todos os retos derivados de celebrar un evento destas características nunha localidade pequena. Pero esta foi e é a nosa aposta: mostrar un cinema agochado e periférico, e facelo desde a periferia, lonxe das grandes cidades, nos confíns fronteirizos tanto xeográficos como cinematográficos.
Pero se estamos aquí é grazas a ti, que fixeches que o éxito de público que caracteriza a este pequeno festival o faga tan grande. Xuntos chegamos a este punto do camiño. Con máis seguridade que nunca podemos afirmar que imos na boa dirección. Pero aínda queda camiño por percorrer.
Por iso e se o desexas, a través de Play-Doc Support podes participar dunha maneira moito máis directa e activa. Nestes tempos que corren toda axuda é pouca e a túa contribución pode ser decisiva.
Con achegas a partires de 10 euros poderás lucir a nosa chapiña de colaborador e gozar de 2 euros de desconto en cada un dos concertos. A partires de 50 euros poderás obter unha acreditación especial que che permitirá acceder de maneira gratuíta a todas as proxeccións, aos concertos e a todas as actividades que programe o festival.
Pero o que realmente conta é o teu apoio, que nos axudará sen dúbida a que poidamos seguir celebrando futuras edicións.