PLAY-DOC ABRE CINCO INTENSOS DÍAS DE CINEMA COA PELÍCULA DE CARLOS NÚÑEZ BRASIL SOMOS NÓS
O artista vai á procura das súas raíces musicais na película, que presentou hoxe na gala de inauguración do festival, na que agasallou aos asistentes con varias pezas en directo do seu último disco, Alborada do Brasil.
Todos vós sodes capitáns, do galego Oliver Laxe, abriu a sección oficial, na que once títulos do mellor das tendencias do documental contemporáneo compiten por premios valorados en 7.000 euros.
Tui. 30 de marzo de 2011. O Festival Internacional de Documentais Play-Doc de Tui inaugurouse hoxe cunha gala ás 9 da noite na que Carlos Núñez foi o principal protagonista. O músico galego presentou Brasil somos nós, un documental sobre o proceso creativo do seu último disco, Alborada do Brasil, no país carioca. Logo de introducir as claves do filme, tocou varios dos temas deste álbum despois da proxección da película.

Os directores do festival, Ángel Sánchez e Sara García, incidiron na oportunidade que dá Play-Doc de explorar formas alternativas de facer e ver cinema, nun xénero tan híbrido coma o documental, que ofrece tantas posibilidades de experimentación. García dixo estar orgullosa dos resultados a pesares de ser este "un ano difícil". "A programación que logramos sitúa este festival á altura dos mellores", explicou, para engadir despois que polo tipo de filmes "fóra do comercial, de difícil acceso", que se pasan no certame, é "esencial facelo dende a periferia". En resumo, Play-Doc "é un festival de proporcións pequenas no que ocorren cousas moi grandes", concluíu García.

Pola súa banda, Sánchez engadiu que o festival pasara por graves dificultades económicas e que ata pensaran en verse obrigados a suspendelo. A este respecto, agradeceu o apoio dado polas institucións, mais pediu un maior esforzo tanto ás entidades públicas como privadas para manter un festival con tanta "proxección internacional" e ao mesmo tempo tan "fráxil".

Á gala asistiron tamén o conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela Fariña, o director- xerente do Consorcio Audiovisual de Galicia, Anxo Quintanilla Louzao, o director de Agadic, Juan Carlos Fernández Fasero, e o alcalde de Tui, Antonio F. Fernández Rocha. Varela explicou que "hai que apoiar festivais con singularidade" coma o Play-Doc e quedou abraiado pola "reacción do público", que acudiu un masa ao evento como cando asistira xa o ano pasado, indicando que está é unhas das razóns para investir nun evento que "trae aquí a cultura de fóra e exporta a nosa ao exterior".

O Teatro Municipal quedou ateigado de asistentes (1.000, todo o aforo) que acudiron ver tamén o filme de Oliver Laxe Todos vós sodes capitáns na sesión seguinte. Esta película, gañadora en Cannes do premio Fipresci, abriu unha sección oficial na que once títulos chegados de todo o mundo, e que supoñen unha selección das últimas tendencias do mellor cinema documental contemporáneo, competirán por premios con valor de 7.000 euros ata o 3 de marzo. A cinta explica o proceso de traballo do director cun grupo de rapaces da rúa nun obradoiro de cinema organizado en Marrocos. É un exercicio estético de alto nivel, así como unha reflexión sobre o cinema etnográfico, entre tantas outras cousas, realizado por un autor con ollada propia, o que sitúa a Laxe como un dos directores a seguir no novo panorama do cinema español.


Máis información en www.play-doc.com.

CONTACTO:
prensa@play-doc.com
tlf. 686876029