ONCE TÍTULOS DO MELLOR CINEMA DOCUMENTAL CONTEMPORÁNEO COMPITEN EN PLAY-DOC 2011
Os encontros entre a ficción e o documental marcan unha sección oficial que repartirá 7.000 euros en premios entre os gañadores do certame.
Tui. 3 de marzo de 2011. O Festival Internacional de Documentais de Tui, Play-Doc, amosa na súa sétima edición do 30 de marzo ao 3 de abril un total de once películas a competición, elixidas de entre os máis dos 800 títulos recibidos, que mostran as últimas tendencias do xénero. Dividida en Longametraxes e Curtametraxes, a sección oficial pecha cunha gala na que se entregarán 7.000 euros en premios.

Nas longas, varias propostas transcenden os límites entre a ficción e o documental. É o caso de The Arbor, de Clio Barnard, nomeada aos Bafta, os premios de cinema británicos, e gañadora de numerosos festivais internacionais, nos que se falou dela como unha das películas máis orixinais dos últimos tempos, chamada a converterse nun clásico. A tamén multipremiada en Cannes ou Xixón Todos vós sodes capitáns, do director galego Oliver Laxe, está dentro desta tendencia, que comparte co documental Miner's Day, do novo realizador ruso Andrey Gryazev, gañador ex-aequo en Play-Doc o pasado ano por Sanya e Pardal. Completan a sección, con aproximacións moi distintas, a produción xermano-americana Songs From the Nickel, de Alina Skrzeszewska, e Cuchillo de palo, da uruguaia Renate Costa.

Nas curtas, Coming Attractions, de Peter Tscherkassky, director austríaco referencia indiscutible do cinema experimental. O galego Marcos Nine utiliza unha técnica semellante en Manuscritos pompeianos, e algo parecido fai a holandesa Anna Abrahams na súa película Desert 79º: 3 Journeys Beyond the Known World. O documental danés The Naked of St. Petersburg, de Ada Bligard Søby, mistura xéneros nunha peza con ecos de clásicos da literatura rusa. Pola súa banda, a divertida Irma, de Charles Fairbanks, segue a rutina dunha antiga campioa mundial de loita libre feminina en México. Por último, o festival acolle a estrea europea de The D Train, de Jay Rosenblatt.

A esta sección oficial súmanselle dúas retrospectivas dos directores Lech Kowalski e Marcel Łoziński, que estarán presentes xunto con convidados de todo o mundo para compartir co público a súa maneira de entender o cinema. Os documentais de temática musical, un clásico en Play-Doc, irán acompañados de concertos por parte dos seus protagonistas. O certame segue mostrando o seu apoio aos novos creadores a través dos obradoiros O retrato filmado e Docs in Progress.


Máis información en www.play-doc.com.

CONTACTO:
prensa@play-doc.com
tlf. 686876029