AARIES FAN BAILAR A PLAY-DOC A RITMO DE SOUL
As irmás Ayana e Ayinké Hipps regalaron ao público un vitalista cóctel de clásicos versionados e temas propios no seu primeiro concerto español.
Tui. 3 de abril de 2011. Ayana e Ayinké Hipps, irmás de Filadelfia que din terse criado cantando a Lionel Ritchie día e noite demostraron onte no seu primeiro concerto en España que a práctica caseira non lles veu nada mal. Coas súas potentes voces, Aaries regalaron ao público un conxunto de temas propios e versións de clásicos do R&B e do soul que fixeron as delicias dos asistentes, entregados por completo ás irmás nos momentos máis intensos do seu directo.

A cita tivo lugar no marco da sétima edición do Festival Internacional de Documentais Play-Doc, que ten a tradición de pasar filmes relacionados con músicos de todos os estilos imaxinables. Desta volta, Say My Name, de Nirit Peled, introduciu horas antes ao público no mundo do hip-hop, centrándose na loita diaria das mulleres solistas por saír adiante neste ambiente machista que as trata habitualmente como obxectos sexuais. Aaries, con cancións moi críticas a este respecto, participan no documental, que foi onte ben recibido en Play-Doc.

A sala Metropol de Tui acollía de madrugada este concerto, logo, que comezou con temas para menear o corpo, coma o envolvente Hips Don't Lie, R&B de influencias caribeñas con maracas e pandeiretas de serie. Logo de varias cancións da mesma guisa, Aaries colleron as súas cadeiras e puxéronse a facer o que realmente se lles dá ben. Nun rexistro máis íntimo, presentaron dous dos temas que formarán parte do seu primeiro álbum, Best Kept Secrets.

O primeiro, presentado por Ayinké como un tema de mulleres que sobreviven na xungla urbana, aínda resoa na cabeza deste cronista, que non pode deixar de repetir "it is a cold war, you better know what you're fighting for" (é unha guerra fría, mellor que saibas polo que loitas). A descarnada voz de Ayana, chea de rabia e odio, axudada dunha poderosa expresión (como sente esta rapaza o que interpreta!) dotou á canción dunha enerxía que fixo estremecer ao público, que ovacionou á solista con entusiasmo no punto álxido do tema, digno da mellor Aretha Franklin.

Despois pasaron a cantar a vitalista Don't Stop Living e remataron con algunhas versións de temas clásicos, nos que brillou o Don't Give It Up de Quincy Jones e Michael Jackson. Despedíronse cunha longa pero nada aburrida jam session e deixaron ao seu DJ picando música para que a festa non decaera, unha festa que durou ata ben entrada a noite con Cold War soando nas nosas cabezas.


Máis información en www.play-doc.com.

CONTACTO:
prensa@play-doc.com
tlf. 686876029