Xa pasou un ano dende que un grupo de novos realizadores, chegados de distintas partes, asumiu o reto de retratar a un habitante de Tui. Desa experiencia intensa e enriquecedora xurdiu unha película colectiva, IDA E VOLTA. Dez retratos baixo un mesmo impulso, dez pinceladas que rexistraban ese encontro entre os retratados e os seus retratistas, conxelando un anaquiño de vida, capturado en imaxes. Ese intercambio de miradas, as dos novos realizadores no seu traballo conxunto e a de cada realizador co seu personaxe, converteuse nunha pegada dun tempo compartido, cheo de procuras, diálogo, inquietudes vitais e cinematográficas. Unha pegada que se fixo indeleble até o punto de xerar a necesidade de continuar co proxecto. Propómosvos, entón, seguir con esa aventura inesquecible e excitante. Eses novos realizadores regresan agora para reencontrarse cos seus personaxes. O tempo pasou para uns e outros. E aquela primeira aproximación é retomada no punto onde a deixamos. Capturar un encontro é pousar a mirada curiosa sobre o outro, sobre os seus xestos, a súa forma de falar, de andar, de sorrir, de devolvernos a mirada en silencio. Que hai detrás desas imaxes? Mellor aínda, que hai antes desas imaxes? Filmar o que houbo, filmar un anaquiño da historia de vida da persoa retratada. Este será o reto deste ano. Manexar, como manexa o cinema, a filmación do presente ou do que existe diante da cámara (o único filmable, de feito) para falar do pasado ou o que xa pasou. Moldear a presenza para tratar a ausencia. Cuestión cinematográfica entón, pero de novo tamén vital: non estamos feitos en boa parte daquilo que xa vivimos? Retrato-memoria pois para este ano. Segunda parada dun camiño xa iniciado e que nos deberá levar a explorar nas próximas edicións as rugosidades do que implica ese xesto primeiro que é mirar e recibir a mirada daquel que temos diante.