VOLVER
ROBERTO VARELA ABRE PLAY-DOC: “NON É DIFÍCIL APOIAR UN FESTIVAL QUE NOS FAI ESTAR ORGULLOSOS DE SER GALEGOS”
Antón Lamazares e Manolo Paz presentaron as súas exposicións no evento antes de dar paso á proxección do filme Horizonte sen dono.

Todo comezaba sobre as 19.45. Unha multitude reunida na porta do Teatro Municipal de Tui contemplaba tres pezas de grande tamaño do escultor Manolo Paz ao aire libre. Ás oito en punto Ángel Sánchez, co-director do Festival Internacional de Documentais Play-Doc, daba pasa ao artista para falar da obra.

Este destacou “a importancia do documental para manter a memoria”, algo que a súa arte pretende conseguir, e agradeceu en especial ao seu fillo Manu (director do filme Un mar de pedra xunto a Xacobo Sanmartín e que se pasa esta semana na localidade pontevedresa) o seu apoio, “porque sen el eu non estaría aquí hoxe”, puntualizou.

A inauguración continuou coas verbas de Antón Lamazares xa dentro do edificio, onde expón sete cadros, algúns inéditos. Amigo íntimo de Paz, o pintor cualificou o acto de “feliz coincidencia” e valorou a “vontade, esforzo e intelixencia” dos directores do festival, ao crear un evento “que abre portas ao mundo”. Despois invitou aos asistentes a ver a exposición e dedicou un tempo ao Conselleiro de Cultura e Deporte, Roberto Varela, para ensinarlle as pinturas.

Foi precisamente el quen pechou o acto de inauguración no interior do teatro xunto ao alcalde de Tui, Antonio Fernández Rocha, e os directores do festival. O conselleiro explicou que cando o foron convencer ao seu despacho para que lles prestase apoio, “non foi difícil dicir que si”, pola súa “insistencia”, polas cifras que manexaban (30.000 espectadores) e sobre todo porque, na súa opinión, Play-Doc “fainos estar orgullosos de ser galegos”.

Sendo un dos actos destacados do Ano Xacobeo, recordou que unha boa programación non a fan “só as estrelas de rock” e que son estes proxectos “cun carácter de continuidade, un público fiel e unha boa produción cultural” os que máis contan.

Palabras semellantes as do alcalde de Tui, que pensa que “mesmo en tempos de crise vale a pena apoiar un evento como este, que achega ventos de modernidade” á cidade pontevedresa.

Logo dos pinchos habituais, Nayra e Javier Sanz Fuentes presentaron o filme Horizonte sen dono. Mentres que ela explicou que “o filme nace da necesidade de preguntarse cal é a importancia da pintura e da poesía” no mundo contemporáneo e que nisto Lamazares tiña moito que dicir, de aí a súa elección; Javier Sanz matizou que “a película non é estritamente unha biografía, senón un achegamento da ollada de Antón Lamazares cara o mundo”.

Máis información na páxina web do festival www.play-doc.com

Contacto: prensa@play-doc.com
Tlf. 650073408 / 986607161

Dirección do festival: 630076818 / 625112791